O FROITO PROHIBIDO (Auditorio Cangas. 2015)

O froito prohibido 

Auditorio de Cangas 

26 DE DECEMBRO 2014A 25 E XANEIRO 2015








O froito prohibido
Maria Xosé Dominguez
comisariada por Elena Bangueses Buceta

As obras de María Xosé son obxectos simbólicos que poden incluso adquirir estado de relixiosidade. A artista, fai unha ofrenda á deusa da vida doméstica, elevando o valor de obxectos de uso cotián, ou liberando do seu confinamento no fogar as prácticas artesanais tradicionais das mulleres. Obxectos que parecen propios da intimidade do fogar, fanse públicos, reinterprétanse elévanse a nivel artístico, perdendo a súa funcionalidade e adquirindo novos valores e significados.

A miúdo a súa obra e moi directa e literal, emprega e combina obxectos como se fosen verbas,  creando mensaxes e paradoxos para o espectador. Hai tres conceptos en torno aos cales as  obras  parecen xirar: a feminidade, o obxecto e o sentimento. Tanto na construción das súas obras como no seu esforzo conceptual, estes tres aspectos están sometidos a un continuo xogo, a unha variada combinación de modo que o espectador se ve sorprendido polos diversos matices. Cando o sentimento se establece entre a feminidade e o obxecto, describe a conexión das mulleres coas súas pertenzas, neste caso vemos vasoiras e plumeiros elevados a nivel museístico.  Por outro lado, a feminidade pode atoparse entre o sentimento e o obxecto, desposuíndoo da súa antiga utilidade. Tales son os "colares" de María Xosé que perden o seu carácter decorativo para acomodar o peso das mensaxes cosidas sobre eles.

O traballo da artista está profundamente enraizado no que por séculos foi considerado pola sociedade patriarcal como prácticas artesanais femininas. Técnicas e tradicións, como son a costura ou a calceta, que serviron no pasado como liñas de produción do fogar ou como mecanismos de canalización das forzas creativas das mulleres, tantas veces oprimidas dentro da vida familiar. Esta homenaxe á tradición xurde da reflexión de María Xosé sobre a posición oprimida da muller,  que se transmite dunha xeración á seguinte,  xunto coas prácticas artesanais  femininas.

Os elementos que só pertencen ao universo e a natureza feminina son esenciais no traballo da artista. O corpo, a maternidade, a reprodución, a menstruación, considerados  vergoñosos e tabú para as mulleres, son protagonistas de moitas das súas obras, ela dálles o valor vital que merecen como aspectos esenciais na creación da vida. A través das súas obras, tamén afirma a liberdade  e o dereito das mulleres sobre o seu corpo a  sexualidade e a maternidade.

María Xosé desafía a tradición relixiosa e mitolóxica da misoxinia, introducindo nas súas obras personaxes femininos como Eva, Pandora ou Lilith. A través destas imaxes, reabre os seus casos para que sexan xulgados de novo dende unha perspectiva contemporánea.

Coas súas obras, pretende acercar á arte a sociedade. Crea situacións nas que o espectador convértese en participante activo, invitado a interactuar, explorar, involucrarse, e mesmo a converterse en creador. O traballo da artista, está en total sintonía cos seus contemporáneos, nun momento na arte onde a estética relacional adquire cada vez maior importancia e a posición do espectador convértese na de participante.

Na súa creación, obsérvanse dende aspectos dadaístas ata influencias doutras artistas como Eva Hesse, Tracey Emin ou Sarah Lucas, que participan na mesma loita para reivindicar o corpo feminino separado das cargas de vergoña, impostas  por una sociedade patriarcal.

Aínda que o traballo de María Xosé, a miúdo rende homenaxe ás mulleres do pasado, os aspectos que aborda son máis contemporáneos que nunca, pois aínda que se ten progresado moito en relación ás cuestións da muller, a sociedade contemporánea está lonxe da igualdade de xénero.

Esta exposición individual é o resultado de varios anos de creación artística, investigación e evolución constante en torno ao tema da muller na sociedade. As súas viaxes regulares a Marrocos teñen unha gran influencia nas súas pezas e na investigación sobre as cuestións de xénero. A exposición reúne as pezas máis salientables deste período creativo, nun intento de crear un espazo para a reflexión.




Elena Bangueses Buceta

No hay comentarios: